Arqueólogos descobren no Monte Facho de Cangas o primeiro santuario de peregrinación de Galicia

O bosque das aras

É un precipicio sobre o Océano, fronte ás Illas Atlánticas, no Hío (Cangas do Morrazo). No alto do Monte Facho os arqueólogos José Suárez e Thomas Schattner descubriron o santuario de peregrinación máis antigo de Galicia. Máis de cen altares romanos dos séculos III e IV chantados no cumio do monte honraban unha enigmática deidade galaica chamada Bero Breo. É o primeiro lugar sagrado deste tipo que se atopa na Península, co que só existen paralelismos noutros puntos da costa atlántica europea. A primeira campaña de escavacións acaba de rematar.

Hai lugares en Galicia que son quen de concentrar en poucas hectáreas a metade da Historia do país. Iso é o que acontece co monte Facho, na parroquia do Hío (Cangas do Morrazo). Trátase dun outeiro de vistas espectaculares do que caen acantilados sobre o Atlántico. Nunha das súas abas existe un gran poboado do Bronce final, datado entre os séculos IX e VII a.C. Na contraria aparece un gran castro da Idade do Ferro, fundado no século VI a.C., que foi abandonado pouco antes ou pouco despois da conquista romana. E na croa, un santuario dedicado a un deus do panteón galaicorromano descoñecido polos investigadores ata os anos 60: Bero Breo. O santuario estivo en activo entre os séculos II e IV d.C. José Suárez, un dos dous directores da escavación, fai unha pausa mentres prende un Royal Crown. O sol en Santiago peta con forza contra a terraza do café da praza da Quintana. “É a primeira vez que coñecemos este tipo de santuarios. Non hai exemplos comparables na Península”. “¿E no resto do Imperio Romano?”. Suárez fica uns segundos en silencio, pensando. “Parece ser que na Galia occidental, na Bretaña francesa. Non é un santuario típico do mundo mediterráneo, romano, senón do mundo atlántico”. Un santuario de tradicións profundamente indíxenas na Galicia romanizada do século IV.



José Suárez, un arqueólogo mozo que traballa na Catedral de Santiago, e Thomas Schattner, subdirector da delegación española do Instituto Arqueolóxico Alemán, instalado en Madrid dende o ano 43, son os responsables da primeira campaña de escavación do santuario do Monte Facho. “Estes traballos son un cúmulo de coincidencias positivas, de encontros entre xente”, afirma Suárez. O arqueólogo xa colaboraba asiduamente cos alemáns con anterioridade. Un día Schattner comentoulle que o Instituto estaba abrindo unha liña de investigación sobre os santuarios na Hispania céltica e comezaran as escavacións nun coñecido recinto sagrado portugués. Suárez, natural de Cangas, faloulle da existencia do santuario do monte Facho, e os alemáns decidiron visitalo. Con financiamento do Concello de Cangas e do propio Instituto, realizouse a primeira campaña de escavacións que agora acaba de rematar.



O depósito xa era coñecido polos arqueólogos dende os anos 60, cando investigadores do sur de Galicia, como Fermín Bouza Brey ou Xosé María Álvarez Blázquez, ou mecenas coma a familia Massó emprenderon a exploración e prospección máis ou menos sistemática das comarcas circundantes de Vigo. No ano 71, Bouza Brey, Álvarez Blázquez e Enrique Massó publican nos “Cuadernos de Estudios Gallegos” un primeiro estudio sobre as 30 aras –esa é a palabra latina para “altar”– que atopan no monte. No 78 o filólogo Isidoro González Millán corrixe as primeiras impresións dos pioneiros e atribúe xa o santuario a un deus descoñecido que el chama Bero Breo, e que, analizando a etimoloxía das súas palabras, adscribe a unha divindade protectora das fortalezas. A escavación revelou que esta hipótese estaba equivocada; segundo José Suárez “a xente ía a ese deus en busca de curación das súas enfermidades, de protección fronte aos perigos que poñen en risco a vida. A referencia inscrita que aparece en boa parte das aras é ‘Pro salute’, é dicir, pola miña saúde”.



Unha relixión a escuras

Este debate indica a espesa capa de tebras en que se teñen que mover os investigadores da vella relixión castrexa e dos momentos en que esta se fusiona coa romana. A Galicia prerromana estaba poboada de decenas de deuses, aínda que sabemos pouco máis que os seus nomes. A súa relevancia, a súa función dentro dun panteón en que cada deidade representaba un elemento da vida humana ou un fenómeno da natureza é difícil de establecer, xa que carecemos da palabra que nolo contaría. O historiador Marco G. Quintela indica dentro do seu texto sobre as relixións da Galicia antiga no “Proxecto Galicia”: “en tódalas relixións é a mitoloxía a que se encarga de establecer o marco das relacións entre os deuses e nós descoñecemos completamente a mitoloxía castrexa”. Faltan, entón, as palabras.


Os investigadores galegos traballan de xeito transversal sobre os vellos deuses agachados entre a carriza, a través dun fenómeno histórico chamado “interpretatio” derivado da relación entre os conquistadores romanos e a poboación indíxena. Os historiadores estudian con que deuses do panteón latino comparaban os conquistadores as deidades locais. É dicir, como conseguían comprender unha cultura diferente á súa buscando os trazos en común dos conquistados coas súas propias crenzas. Por exemplo, se un romano comparaba un deus galaico con Xúpiter, sería fácil supor que ese deus noso estivera relacionado cos lóstregos, co firmamento, ou que fose o deus principal do panteón, igual que Xúpiter o era en Roma. Ocorre en Lugo, por exemplo, onde hai abundantes referencias na epigrafía romana ao deus Coso, moitas veces relacionado con Marte. Iso leva a supor que Coso era un deus da guerra, igual que o romano.



Peregrinos no Atlántico


No caso do santuario do Monte Facho, non hai “interpretatio” posible para o deus Bero Breo que era venerado alí. Todo o máis que figura escrito nas aras é que é un “deus lar”, é dicir, un deus doméstico, local. “Se querías falar con ese deus tiñas que ir ata ese monte”, indica José Suárez, “o cal me fai pensar en que era un lugar de peregrinación”. Cada persoa que acudía a relacionarse coa divindade tiña que deixar unha ara dedicada ao deus. Eran altares humildes, que na súa maior parte non superaban o metro de altura, –aínda que algunhas superan o 1,70–, con inscricións parcas e concretas. As aras eran adquiridas polo ofertante nas proximidades, nalgún obradoiro que vendía diferentes modelos de exvoto. O 90% das aras atopadas foron feitas con granito da zona. As aras do Facho teñen tamén outra peculiaridade: son anónimas. É un feito estraño, porque na maior parte das aras dedicadas por ofertantes noutros puntos de Galicia figura o nome da familia ou da persoa que fai a ofrenda. A Bero Breo non lle gustaban os apelidos, pero si, dende logo, os exvotos. Entre as aras que atopara Bouza Brey nos 60 e as que descubriron na actual campaña, xa van cen atopadas. "Máis que en tódolos museos de Galicia xuntos", apunta Suárez.



Houbo unha acumulación de aras tan grande que ficaban apiñadas unhas por riba das outras. Os arqueólogos pensaron que o grande número delas rotas debíase a algún tipo de violencia simbólica relacionada co asentamento do cristianismo, aínda que logo viron que algunhas mesmo eran rachadas para facer de calzos das seguintes. Todas postas no chan, en vertical, facendo un auténtico bosque de pedra, un bosque de aras. Na escavación superficial que fixeron do recinto os investigadores descubriron que construíran terrazas no santuario para permitir gañar espacio e colocar máis e máis aras ao redor da croa do monte. Esta disposición tan estraña faino “moi especial”, en palabras de José Suarez. “O santuario de Bero Breo é a sublimación dalgúns dos aspectos da relixiosidade castrexa, da aculturación de Galicia co mundo romano, e polo propio sitio. A posta do sol, o acantilado, as illas, é o lugar indicado para unha experiencia de relación co divino que pode ser compartido por varias culturas. Ao principio, pensabamos que iamos atopar un santuario local, para a poboación desta zona das Rías Baixas. Ante a perspectiva do gran número de aras, e as que atopemos nas vindeiras campañas, estamos ante algo máis importante na época”, indica o arqueólogo. “¿Como de importante?”, pregúntolle.



Suárez quere ser cauto: “É só unha hipótese. O santuario ten un punto de referencia que é o Atlántico. Hai que pensar no tráfico marítimo que hai ao longo desa costa e non hai que descartar unha participación exterior nese centro de culto”. O sol petará este verán no santuario cangués. Están previstas nos próximos anos dúas campañas máis no depósito que achegarán novos datos sobre as descoñecidas crenzas dos nosos devanceiros. A última campaña estudiará o poboado castrexo abandonado un século antes de que o santuario comezara a funcionar como centro de peregrinación. O obxectivo do Concello de Cangas é a creación dun centro de interpretación do Monte Facho, clave para comprender a evolución da nosa historia dende o seu poboado da Idade do Bronce ata a casopa de pedra do século XVII que era empregada para a vixilancia contra os ataques dos piratas ingleses e turcos. Agora falta agardar polos novos datos. Ábrese unha páxina sorprendente no retorto libro da nosa Historia.




Galería: o santuario do Monte Facho

Galería: o santuario do Monte Facho

Contorno do Monte Facho (o monte da dereita sinalado cunha frecha vermella). Ao fondo, na esquerda, pódese distinguir o Cabo Home e enfronte as Illas Cíes.

Foto tomada do web do Concello de Cangas (www.cangas.org)

Galería: o santuario do Monte Facho

Galería: o santuario do Monte Facho

Detalle da escavación cunha das aras atopadas en primeiro plano.

Galería: O santuario do Monte Facho

Galería: O santuario do Monte Facho

Perspectiva aérea da croa do monte. Na imaxe pódese apreciar a plataforma na que estaba asentado o poboado castrexo (na dereita) e a casoupa do faro (no centro).
Foto: Gerardo Gil