A Semana do Patrimonio Invisible abre portas habitualmente fechadas en Santiago

O ciclo amplíase este ano a nove espazos pouco habituais de ser visitados

O ciclo amplíase este ano a nove espazos pouco habituais de ser visitados
Casa Europa da USC Foto: Turismo de Santiago
Amosar aos cidadáns de Santiago o interior deses espazos habitualmente pechados e que forman parte do rico patrimonio da capital galega é o obxectivo da Semana do patrimonio Invisible que hoxe presentou o Concello. Esta segunda edición deste ciclo de visitas guiadas terá lugar entre o 18 e 22 de setembro e inclúe 26 oportunidades repartidas entre nove espazos da cidade que non forman parte dos circuítos de rutas turísticas habituais. Se o pasado ano, na primeira edición deste programa, eran sete os espazos que abrían as súas portas, este ano amplíase o número pero só repiten tres dos espazos do 2018 (Hostal Dos Reis Católicos, San Martiño Pinario e Colexio dos Irlandeses-Pazo de Ramirás). O percorrido en compañía de especialistas que explicarán a historia dos espazos e a súa importancia inclúe inmobles que foron levantándose ao longo da historia da cidade, desde o século XIV (Hostal dos Reis católicos, Casa Gótica) ata o propio século XX (Hotel Compostela, Casa Europa). Completan a oferta de visitas inmobles civís e relixiosos que son propiedade privada ou da Igrexa e que polo tanto non están sempre accesibles.

As visitas ofrecidas por este ciclo son de balde baixo inscrición previa a través do correo electrónico spicompostela@gmail.com e dado que serán quince as prazas para cada quenda poderán participar 390 persoas durante esa semana. Para que a meirande parte dos interesados poida acudir, a organización permitirá a inscrición nun máximo de tres visitas e dúas persoas por visita. Desde a empresa organizadora Trivium, César Abella recordou que o pasado ano, con menos visitas, as prazas esgotáronse en apenas 24 horas. Durante a presentación do ciclo a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón asegurou que conseguir mellorar o acceso a estes bens patrimoniais é un obxectivo a conseguir xa que se fixo un gran esforzo público na última década para a rehabilitación deste patrimonio e estimou "pertinente que se faga visible", para o que asegurou buscar unha fórmula.


Noite do Patrimonio
Ademais, o sábado día 21 e co gallo da celebración da Noite do patrimonio do Grupo Cidades de Patrimonio de España terá lugar un programa de actividades e actos especial que inclúe unha sesión “Conversas no Claustro” en San Martiño Pinario ás 19 horas cunha mesa de debate de expertos sobre os retos e problemas das cidades patrimonio. A xornada seguirá cunha visita guiada polo complexo monacal . ese mesmo días ás 22 horas, na Praza da Quintana terá lugar o espectáculo de danza contemporánea Segunda-Feira: Atenção à Direita a cargo da bailarina e coreógrafa lisboeta Cláudia Dias.