O xurado da XVIIIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución resolveu premiar a Antía Veres Gesto pola tradución do inglés ao galego da novela A Lost Lady ou Unha muller perdida, de Willa Cather, publicada por Hugin e Munin. O xurado valorou especialmente a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela. Ademais chamou a atención sobre a significación da autora e a obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos EUA como a nivel mundial. Antía Veres licenciouse no 2013 en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, co Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Dende entón, dedícase á tradución, ámbito no que traballa en varios proxectos, entre os cales destacan os de tradución literaria, que é o campo que más lle atrae e co que máis realizada se sinte. Neste eido, no 2017 recibiu pola tradución de Detrás da máscara, de Louisa May Alcott, o I Premio Realia de Tradución, galardón convocado pola editora Hugin e Munin e polo Concello de Santiago de Compostela. Ademais, no 2013, gañou o primeiro accésit pola tradución dO conto de Nadal de Auggie Wren, de Paul Auster, nos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo. O xurado desta edición do premio Plácido Castro estivo integrado por Olga López (Xunta de Galicia), Fernando Moreiras (Asociación de Tradutores Galegos), Ana Luna Alonso (Universidade de Vigo), Víctor Caamaño (Fundación Plácido Castro), Xulio Ríos (IGADI) e Xosé Luís Franco Grande (Real Academia Galega).