O que arde, filme do director galego Óliver Laxe, foi seleccionado polo Festival de Cine de San Sebastián como unha das producións que competirán polo Premio do Público. A vindeira edición do evento, que se desenvolverá entre o 20 e o 28 de setembro vindeiros, proxectará esta produción no marco da sección Perlak, onde competirá con traballos de Bong Joon Ho, Ken Loach, Nakache e Toledano e Wang Xiaoshuai. A organización anunciará en vindeiras datas outros filmes que participarán nesta sección.