Miguel Sande imponse no XVII Premio de Poesía Afundación

O xurado seleccionou o poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta

O xurado do XVII Premio de Poesía Afundación daba a coñecer na tarde de onte o seu fallo, polo que declara vencedor desta xeira do galardón a Miguel Sande. O poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta reportaralle ao autor os 6.000 euros en metálico con que está dotado o premio e será publicado dentro da colección Arte de Trobar. O xurado destacou que "a obra está escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura, pero tamén transgresora nas imaxes e retadora nas metáforas". Do mesmo xeito, apuntou que no poemario "a expresión poética está plenamente lograda nun metro de difícil factura pero pleno de sonoridade musical como é a prosa poética" e que o autor "constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecable, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado".


As escritoras María Canosa, Ánxela Gracián e Branca Vilela; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado, e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado foron os responsables da selección entre as trinta obras que se presentaron ao certame.

Miguel Sande, nado en Arteixo en 1961, conta cunha intensa carreira como poeta, dramaturgo, novelista e xornalista. con obras teatrais como Á alba pide comigo vivir (finalista do Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca), Ninguén chorou por nós, (Premio Rafael Dieste), A enterradora (Premio Nova Dramaturxia Galega) e, en poesía A palabra soterrada ou Furtivos. En narrativa fíxose co I Premio Narrativa Breve Repsol con Se algún día esta muller morta e en 2016 conseguiu o Premio García Barros pola novela A candidata.