Zê Paredes e Electra levaron os premios da Mostra de Teatro de Cangas

O festival recoñeceu cos seus galardóns honoríficos aos Monicreques de Kukas e a Sés

O III Torneo de Dramaturxia de Galicia, que se celebrou o pasado día 3 no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, outorgoulle a vitoria a Zê Paredes. A competición enfrontou a este autor portugués afincado en Galicia con Carmen Conde, Ana Carreira e Fran Godón nunha serie de lecturas dramatizadas amenizadas co piano de Velpister e con Esther F. Carrodeguas como mestra de cerimonias. Os votos do público seleccionaron o texto Unha baixa que representaron Helena Varela e Fran Paredes e que narra a situación dunha autora teatral que non se pode sentar por ter hemorroides.

Canda a el, o Premio do Público desta edición da Mostra foi para Electra da Companhia do Chapitô. O grupo lisboeta, centrado na exploración da comedia visual e física xa recibira este galardón en 2014. A Mostra entregoulle tamén, como xa se anunciara, o Premio Xiria á compañía Os Monicreques de Kukas e mais o galardón Mulleres en Acción a María Xosé Silvar Sés.