Carlos Núñez fai xira este verán por enclaves patrimoniais con encanto

A xira 'Lugares máxicos' inclúe nove paradas en sitios galegos de especial interese

A xira 'Lugares máxicos' inclúe nove paradas en sitios galegos de especial interese
Carlos Núñez
O Parador de Baiona acollerá no solpor do vindeiro día 13 o inicio dunha xira moi especial do músico vigués Carlos Núñez, un dos abandeirados destacados a nivel internacional da música galega de raiz. Baixo o nome "Lugares máxicos" Núñez levará a súa música a catorce sitios especiais de grande valor patrimonial e histórico, moitos deles en chan sacro, e tanto dentro das catro provincias da comunidade galega como fóra delas. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) é outro dos dez concertos que poderemos ver no país e que será a segunda data deste percorrido, o día 14. O músico escolleu, como xa fixera o pasado ano, lugares moi especiais para encontrarse co público creando atmosferas “máxicas”. O día 25, coincidindo co Día da Patria Galega , o músico actuará no Claustro dos Bispos do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín (Ourense). Ademais, ata o vindeiro día 13 de agosto, Núñez tamén pasará pola Igrexa de Santa María de Abades en Silleda; a de San Martiño en Noia; o Mosteiro de Oseira; Catedral de Mondoñedo; Castelo de Monterrei e finalmente o Mosteiro de Meira, en Lugo. O vigués alternará tamén estes concertos con outras citas fóra de Galicia e de España, coas que pasará por Madrid, Barcelona, Fez (Marrocos) , Francia ou Suíza, antes de dar o salto en outubro cara a Arxentina.