Aparece unha sauna prehistórica cun estado de conservación "extraordinario" en San Cibrao

O arqueólogo Emilio Ramil redacta un informe "urxente" para decidir futuras actuacións sobre os restos

O arqueólogo Emilio Ramil redacta un informe
Sauna do castro da Atalaia co tellado e unha porta enteira. Foto: Mariña Patrimonio
Unha suma de factores fixeron que un rutineiro control arqueolóxico de obras por saneamento bateran cun edificio monumental soterrado na area baixo as rúas actuais de San Cibrao, no concello lugués de Cervo, no recinto do que fora o castro da Atalaia. O director da intervención arqueolóxica, Emilio Ramil, califica os restos como de "extraordinarios" e aínda que mantén a cautela científica sobre a interpretación da estrutura por mor da pequena área excavada, sinala que contén todos os elementos habituais das saunas da Idade do Ferro: "ten parte dun tanque de auga, un forno, restos de carbóns, hai un monolito de pedra tipo 'pedra formosa', aparecen cantos rodados con signos de calor...".

As saunas son unha das estruturas máis singulares da cultura dos castros. Trátase de recintos nos que se realizaban prácticas vinculadas aos baños de vapor, moitas veces interpretadas como de carácter ritual. Atópanse con moita frecuencia no sur da Gallaecia e tamén no norte, na costa cantábrica de Galicia e Asturias. A súa importancia para as comunidades dos castros era moi grande, a xulgar pola estrutura monumental coas que se dotaban e a existencia de lousas de granito monumentais, ás veces decoradas, que presidían a entrada. Aínda que durante moito tempo se sostivo que eran versións castrexas das saunas romanas, as últimas investigacións confirman que a súa cronoloxía procede dun horizonte inequívoco da Idade do Ferro.


Ao fondo, a "pedra formosa". Foto: Mariña Patrimonio

Non é a primeira estrutura arqueolóxica deste tipo que ten excavado Ramil. En Ortigueira localizou de maneira casual a sauna do castro de Punta dos Prados mentres investigaba os foxos do castro. E recentemente atopou no castro da punta do Sarridal, en Cedeira, outra sauna notablemente antiga, do século III a.C. No caso de San Cibrao, a sauna estaría no recinto do castro da Atalaia, e foi intervido arqueoloxicamente nos anos 80. A partir dos documentos gráficos da prensa da época e dunha película ‘super8’, todo parece indicar que as catas actuais interveñen sobre unha zona xa explorada de aquela, pero as imaxes tamén amosan outro edificio diferente, posiblemente localizado en solares próximos.


Pódese observar á esquerda a pía de auga. Foto: Mariña Patrimonio

Un tellado da Idade do Ferro en pé
O edificio exhumado amosa reformas ao longo do tempo e mesmo portas que parecen comunicar este espazo con outros aínda sen descubrir, localizados por debaixo da rúa e das vivendas. Unha porta, agora chea de area, parece levar ao exterior "e a outra zona con pinta de antecámara". As estruturas consérvanse tan ben por dous motivos: están sepultadas baixo a area e ademais, a zona foi urbanizada tan só recentemente. Unha das particularidades máis chamativas é a existencia dun tellado de falsa bóveda, que se conserva cando menos en parte. De tratarse dun monumento da Idade do Ferro, converteríase xunto coa sauna do Castelón de Castañoso (A Fonsagrada) nos únicos edificios da época que conservan parte da súa cubrición. O tellado está feito de lousa, un material que non existe en San Cibrao e que indica que os construtores importaron materiais para a elaboración do edificio.

Informe urxente
Nestes momentos o arqueólogo Emilio Ramil está a redactar un "informe urxente" para que tanto o concello de Cervo como a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta valoren os seguintes pasos en relación ao monumento. A solución é calquera cousa menos doada: a posible sauna se atopa no medio dunha rúa con vivendas e con sistemas de saneamento, o cal complica calquera posible solución de investigación e posta en valor.