O escritor Rafa Villar (Cee, 1968), vén de gañar coa obra Os outros oficios o XVI premio de literatura infantil e xuvenil "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado sinalou da obra galardoada que se trata "dun texto excepcional desde o punto de vista literario, con moito coidado da prosa e con relatos que amosan un gran coñecemento da lingua". Asemade o xurado explicou que se trata dunha obra "con gran potencialidade para públicos moi amplos, de fácil e agradable lectura, ademais de ser didáctica". Segundo eles na obra Os outros oficios o autor fai "unha galería de retratos que mesturan ben o xogo imaxinativo e adáptase para ser ilustrada". Rafa Villar foi un dos promotores do Batallón Literario da Costa da Morte e mais da colección de poesía Letras de Cal. Tamén participou na creación da editora dixital Retagarda Edicións. A súa actividade literaria estivo maioritariamente centrada no eido da poesía no que acadou varios premios pola súa escrita. Ábrese agora o prazo para o XVI Premio "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de ilustración ata o día 2 de setembro de 2019. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Rafa Vilar. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.