Unha cerámica aparecida en Cova Eirós achega datos sobre o comezo do Neolítico en Galicia

A Xunta achegará 30.000 euros para continuar os labores de investigación neste Ben de Interese Cultural

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
Unha cerámica aparecida en Cova Eirós achega datos sobre o comezo do Neolítico en Galicia

Unha peza de cerámica aparecida na entrada de Cova Eirós durante a última quenda de escavacións nesta cavidade lucense achega novos datos sobre os inicios do Neolítico no territorio galego. Segundo anunciou a Universidade de Santiago, a peza consiste en fragmentos dun vaso cerámico con forma de botella e decorado coa impresión dunha cuncha de berberecho. As investigacións do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico–Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago e o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) sinalan que o recipiente "foi utilizado para o procesado de carne de ruminantes xunto con vexetais".

A peza, que non se puido datar directamente presenta semellanzas coa cerámica cardial característica dos primeiros grupos neolíticos do sur da Península Ibérica. Considérase que foron estes grupos o que trouxeron as primeiras prácticas agrícolas e gandeiras. Ata o momento os testemuños similares coñecidos máis próximos ao noso país atopáranse no Río Mondego, 300 quilómetros ao sur.

O anuncio do achado fíxose a coincidir coa sinatura dun novo convenio polo que a Consellaría de Cultura achega 30.000 euros para continuar as investigacións nesta cavidade, declarada Ben de Interese Cultural. Con esta nova contribución o departamento autonómico suma 140.000 investidos no depósito desde 2015.

Que che parece esta nova?
68 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Neolítico, Cova Eirós, Ben de Interese Cultural, Arqueoloxía...