A Xunta outorga as Medallas Castelao máis femininas

Marisa Crespo, Teresa Portela, Jeanne Picard, Benedicta Sánchez e as redeiras de Galicia son as galardoadas

O Consello da Xunta daba a coñecer onte os nomes das galardoadas coas Medallas Castelao deste ano. Nesta ocasión todos os galardóns, que recoñecen persoas "cuxa obra, en calquera faceta da actividade humana, se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia" foron para mulleres. A deportista Teresa Portela, as redeiras, a fundadora de Stop Accidentes España Jeanne Picard e mais Benedicta Sánchez, actriz do filme O que arde, de Óliver Laxe, recentemente galardoado en Cannes foron as recoñecidas nesta ocasión. As medallas entregaranse o vindeiro 28 de xuño.

Currículos das premiadas tirados do web da Xunta

TERESA PORTELA
Nada no Concello de Cangas do Morrazo en 1982, é unha deportista que compite en piragüismo, concretamente na modalidade de augas tranquilas. Os valores do seu esforzo, a constancia e a superación foron claves na súa traxectoria.

No seu palmarés conta con 14 medallas no Campionato Mundial de Piragüismo entre o 2001 e o 2015. Tamén obtivo 17 medallas no Campionato Europeo de Piragüismo entre o 2001 e o 2013. Ademais, participou en 5 Xogos Olímpicos de verán entre os anos 2000 e 2016 nos que obtivo 5 diplomas.

REDEIRAS DE GALICIA
As redeiras de Galicia son profesionais que se dedican á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca. Actualmente esta profesión, que desenvolven nun 84% mulleres, está envellecido por falta de remuda xeracional.

En Galicia existen 8 asociacións que agrupan a case 150 redeiras dos portos de Cariño, Cedeira, Corme, Malpica, Cambados, Portosín, Cangas e A Garda. A maioría agrúpanse na Federación Galega de Redeiras Artesás "O Peirao", que ten entre os seus obxectivos o de visibilizar o traballo das redeiras, loitar contra a intrusión laboral ou garantir a remuda xeracional.

JEANNE PICARD
Nada en París en 1943, vive en España desde 1963. Fundou Stop Accidentes España despois de que no ano 2000 un dos seus tres fillos falecera aos 33 anos nun accidente de tráficos ao ser embestido o seu vehículo por outro coche.

Actualmente é a secretaria e delegada de Stop Accidentes en Galicia, que creou xunto con outras nais que se atopaban na súa mesma situación. Entre os obxectivos da entidade están: a prevención da violencia viaria en todas as súas formas para conformar un espazo de diálogo e debate coas institucións; prestar apoio e asesoramento ás vítimas e ás súas familias, optimizar as reivindicacións e crear iniciativas que impulsen a cultura da seguridade viaria.

BENEDICTA SÁNCHEZ
Naceu no Concello do Corgo, en Lugo, hai 83 anos. É unha das actrices da película O que arde, de Óliver Laxe, recentemente galardoada no Festival de Cannes. Ata a súa participación neste filme nunca antes actuara ante unha cámara nin fixera cine, aínda que sempre tivo interese pola cultura.

Foi boa estudante, aínda que tiña que compaxinar ese traballo co coidado das vacas e ovellas da casa, e encantáballe ler. Tras emigrar a Brasil, volveu a España coa súa filla, que foi quen a animou a presentarse ao cásting para a película. No Festival de Cannes posou ante os fotógrafos e bailou unha muiñeira amosando a nosa cultura nun dos festivais máis prestixiosos do mundo.