
Tamén en Estados Unidos, Álex Cal ACO anuncia o vindeiro lanzamento na nova editora AWA da serie American Ronin que asina canda ao guionista Peter Milligan e no que tamén participa outro galego, David Lorenzo Riveiro. Desde Ourense, Jordi Pérez acaba de publicar a segunda entrega das cinco previstas da serie Queen of bad dreams con Vault Cómics, e para o vindeiro mes de xuño está previsto o lanzamento do terceiro número da serie Xena para Dynamite. En paralelo, o debuxante continúa con proxectos como Ret:con para 133art.
Pola súa banda, o pontevedrés Tirso Cons acaba de presentar no mercado francés o segundo volume da serie Traqueurs da man da editora Glénat. Co título de L'Héritage de sang, a obra continúa esta serie de piratas con guións de David Muñoz.