Actuacións na fábrica de Sargadelos. Fotografía de Mariña Patrimonio.
Os traballos de pintado que se están a realizar no exterior da Fábrica de Sargadelos en Cervo carecen de permiso e non contan co preceptivo informe da Dirección Xeral de Patrimonio ao se realizar sobre un Ben de Interese Cultural. Así o asegura a Asociación Mariña Patrimonio, que denunciaba esta semana ante a Consellaría de Cultura e o Concello de Cervo as actuacións que se están a desenvolver por orde da actual dirección da empresa. O colectivo asegura que o pintado de figuras xeométricas en cores vivos na fachada da factoría está "a transformar e desvirtuar o emblemático edificio de Sargadelos" que Andrés Fernández-Albalat deseñou por encarga de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.
A dirección da empresa, pola súa banda, emitiu un comunicado no que, sen desmentir que a actuación careza pertinentes autorizacións, apunta que a mesma "é sensible ao conxunto de edificios da fábrica". Ademais, "pretende transmitir unha visión construtivista actualmente presente" no conxunto e realízase de acordo co equipo de deseño da firma. Os responsables da factoría cargan contra a anterior dirección a sinalar que "o ter declarado as súas instalacións ben de interese cultural no mesmo ano no que entrou a empresa en suspensión de pagos di moito da capacidade de xestión" da mesma, "máis preocupada do seu legado cultural que da súa viabilidade económica". O comunicado tamén denuncia que a burocracia e limitacións "que implican para unha factoría operativa e vixente ser declarada BIC é unha carga e un incordio importante".
