Localizan un enterramento durante a escavación dun mosteiro na Ribeira Sacra

É parte do proxecto arqueolóxico e patrimonial 'Adegas da memoria'

É parte do proxecto arqueolóxico e patrimonial 'Adegas da memoria'
Fotograma do documental O fósil que fala
Foi no último día de escavación no lugar dos Conventos, na parroquia de Vilachá, na Pobra do Brollón, cando os arqueólogos levaron unha gran sorpresa. Na esquina dunha das estruturas nas que están a excavar na procura dun establecemento monástico desaparecido coñecido como San Martiño de Piñeira, apareceron os restos conservados dun enterramento humano, depositados nunha oquedade da pedra. O enterramento ten a particularidade de diferenciarse das inhumacións cristianas convencionais, xa que os osos están todos reunidos nun pequeno espazo. O equipo vai realizar probas para determinar a cronoloxía da persoa e mesmo de análise xenética, de cara a determinar a súa relación co sitio arqueolóxico. Entre as hipóteses que manexa o equipo científico que dirixe o arqueólogo Xurxo Ayán coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC está que se trate dun enterramento da Idade do Bronce, co cal se poderían atopar cun dos enterramentos preservados máis antigos de Galicia.

Documental no que se observa o momento de aparición do enterramento:


T2/Ep.3 O Fósil que Fala from Adegas da Memoria on Vimeo.