
Segundo lembraron desde Viravolta o anteproxecto recollía a necesidade de trasladar a mostra permanente no seu emprazamento actual ás plantas superiores do Prazo Liñares, xa que, segundo eles, a colección corre graves riscos de conservacións no espazo actual. Non obstante, ese traslado nunca se materializou. Ademais, entrando nos detalles, os membros da compañía tamén sinalaron que no citado Anteproxecto, ademais, especifícase textualmente, que o "proceso para establecer as condicións que permitirán obter o debido recoñecemento da Xunta de Galicia non debería dilatarse máis de dous anos e medio" e que durante ese lapso de tempo o Museo "debería manter as súas actividades públicas". Pero dende a elaboración do anteproxecto en 2017 non se reverteu a inactividade, situación que se arrastraba xa dende 2015. Ao respecto da catalogación, desenvolvida polo Concello, o procedemento non resultou completo, porque se ben si se catalogaron máis de 300 pezas, aínda falta un gran número de pezas, incluída parte da colección de Viravolta. No momento en que o Concello quixo iniciar a catalogación das pezas, propiedade da compañía, Viravolta condicionou a súa execución á reactivación da actividade no ano 2018, especificándolle ao Concello que de non producirse tal recuperación, cumpriría pechar. Ao non ver cumprido o obxectivo Viravolta se reuniu en novembro coa concelleira de Cultura, Lara Rodríguez Peña, e en decembro, co alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, para abordar a situación. En ambas as dúas xuntanzas, solicitadas por iniciativa de Viravolta, explicouse dende o Concello a imposibilidade de poñer en marcha a actividade nese curso por cuestións administrativas, polo que se deu outro novo prazo, que se estendía até o 31 de marzo. Non obstante, nada cambiou nese tempo e a comezos de maio se adiantou de forma extraoficial ao Concello a intención de Viravolta de desistir de forma inmediata do proxecto do Museo. O día 13 de maio procedeuse dende a compañía a enviar correos electrónicos tanto á Alcaldía coma ás Concellerías de Cultura e de Turismo, responsables do Pazo de Liñares, para achegarlles a decisión en firme. Segundo Viravolta, só se atopou resposta de forma indirecta, a través dos medios e coas explicacións facilitadas á prensa por parte concelleira de Cultura. Esta situación amosa, dende o punto de vista de Viravolta, unha falta de comunicación que en nada axudou á supervivencia do Museo Galego da Marioneta.