Os obradoiros Ciberlingua levan dous anos difundindo a presencia do noso idioma en internet

Pescar a lingua na rede

A finais dos noventa internet comezou a popularizarse por todo o mundo. Unha inmensa cantidade de información pasaba a estar dispoñible de xeito inmediato. Un fluxo que cada vez se incrementaba máis e que amosaba un dominio maioritario da lingua inglesa. A necesidade de que linguas minorizadas coma a nosa se incorporasen a este novo medio para garantir a súa supervivencia deu lugar a iniciativas en todo o mundo. Unha das que se desenvolven con máis éxito no noso país chámase Ciberlingua.



Todo comezou vai para tres anos, no seo de galego21, unha organización non gobernamental dedicada á promoción do galego na informática. Segundo apunta Ana Salgado, integrante desta organización, “partiuse da idea de que había carencias importantes na comunidade educativa no referido á formación en novas tecnoloxías”. Unhas carencias que se estendían en xeral ao mundo da informática. “Había centros con boas aulas de informática pero tamén profesores que non sabían moi ben como tirarlle proveito educativo”, lembra. E puxéronse en marcha. Un dos principais ideólogos do proxecto foi Daniel Romero, integrante de galego21 que xa tivera a experiencia de desenvolver pouco antes en Ferrol a campaña “En liña co galego”, unha actividade en que se lles daban a coñecer aos máis novos os recursos que había no noso idioma pola rede.



As frontes da lingua

A idea base era, no mesmo sentido, desenvolver un proxecto de dinamización lingüística que fomentase a navegación en galego. E a esta idea sumouse a de empregar as novas tecnoloxías da información e da comunicación como recurso educativo. Para conseguir isto Ciberlingua actúa a través de varias frontes. Por unha banda apóiase o emprego de programas informáticos en galego. Pola outra danse a coñecer os contidos existentes no noso idioma dentro da rede. Finalmente promóvese a creación de contidos multimedia de carácter didáctico por parte dos educadores.



En marcha


Co apoio da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e da CIG-Ensino, comezaron a organizar os obradoiros. Os concellos de Lugo, Ferrol, Compostela, Pontevedra e Vigo apoiaron desde o comezo o proxecto, e no curso 2001-2002 botaba a andar Ciberlingua. Nesta primeira edición, o programa incluíu obradoiros para profesores e para nais e pais aos que se lles ensinaba o emprego de navegadores, correo electrónico, chat e webs con contidos didácticos en galego. Neste mesmo sentido tamén se lles ensinou a manexar o Clic, un programa desenvolvido especificamente para o ámbito do ensino. Nesta segunda edición o programa ampliou os seus contidos coa organización de obradoiros multimedia destinados a ensinarlles aos profesores a desenvolveren contidos didácticos para os seus alumnos. No web do proxecto recóllense todos os contidos que os profesores elaboraron nestes obradoiros, e que abordan temas que van da conxugación verbal á educación musical.




En familia

Aos obradoiros de profesores súmanse tamén no curso 2001-2002 os desenvolvidos directamente con alumnos, “cuns contidos máis lúdicos”, apuntan desde a organización. A maior parte dos alumnos de ESO aos que van dirixidas estas actividades non teñen ningún problema para desenvolverse en Internet. Deste xeito, “as actividades céntranse máis en navegar en galego, en darlles a coñecer recursos no noso idioma que poden empregar para materias escolares, ou como fonte de información xeral”. Un terceiro colectivo co que Ciberlingua traballa son os pais e nais, aos que se lles ensinan as nocións básicas para desenvolverse coa rede.



A maiores


Ademais de obradoiros, Ciberlingua preocúpase da difusión da rede en galego a través da edición de “Navegándomos”, unha guía desenvolvida como material para o proxecto e na que se analiza polo miúdo a rede, desde a terminoloxía empregada neste eido ata unha lista completa de ligazóns no noso idioma. Para os rapaces editouse tamén unha pequena guía de recursos na que se pode ver unha selección de webs. Ademais, hai un CD-Rom que inclúe o software de libre distribución que desde hai anos está traducindo galego21, e que se emprega no desenvolvemento do proxecto, nomeadamente o navegador Opera. A través do seu web pódese acceder tamén a este material de maneira gratuíta. Tampouco se pode esquecer que para desenvolver este traballo realizáronse tamén cursos de formación de formadores, cos que arredor de vinte persoas capacitáronse para seren monitores do proxecto en calquera dos seus obradoiros.



Cifras e proxecto


O proxecto vai medrando, e nesta segunda edición foron máis de 108.000 euros os necesarios para o seu desenvolvemento. Uns cartos que proveñen exclusivamente dos concellos en que se desenvolve a actividade. As cifras aproximadas de participantes no programa roldan as sesenta persoas en total para os obradoiros para pais, as trescentas nos de profesorado e os arredor de dous mil alumnos de ESO, segundo Luís Teira, coordinador de Ciberlingua. Para o vindeiro curso, a principios de outubro, está previsto comezar coa nova edición do proxecto, ampliándoo se é posible a máis concellos e vilas que xa se amosaron interesados en participar. Na actualidade está a rematar o segundo ano do Ciberlingua, segundo Teira “con moi bos resultados”. E así vai a lingua entrando na rede.