Desaparece o mítico Dado-Dadá Jazz Club

Pecha as súas portas tras 39 anos e no sitio abrirá unha nova sala de música

Pecha as súas portas tras 39 anos e no sitio abrirá unha nova sala de música
Interior do Dado-dadá jazz Club Foto: Dado-Dadá
A piques de cumprir os corenta anos como un dos clubs de jazz de referencia de Galicia, o Dado-Dadá Jazz Club de Santiago ven de pechar a súas portas, segundo informa o xornal compostelán El Correo Gallego. O local pechou por un traspaso no que vai incluída a perda do nome e unha profunda reforma para transformalo nunha sala que seguira mantendo como actividade a música en vivo e os espectáculos baixo o nome de eMe Music Club e aberta a xéneros musicais de estilos variados. Aberto desde 1980 por Carlos Asorey (finado en 2007) e logo rexentado pola súa dona Carmen Eixo, o Dado-Dadá Jazz Club formou parte dun escaso listado de salas que desde finais dos anos setenta apostaron pola música de jazz no país e das que poucas seguen manténdose, unha menos agora. Ademais de músicos de jazz galegos, estatais e internacionais, polo seu escenario pasaron cantautores, músicos folk, humoristas e magos, dentro destes últimos o club santiagués era unha parada obrigada nas súas xiras.

Desde a presentación dos primeiros discos de Milladoiro desfilaron polo seu pequeno escenario grandes artistas tanto nacionais como internacionais: Pedro Iturralde, Barry Harris, Raimundo Amador, Juan Tamariz, Anthony Blake, Pepe Carrol, Ismael Serrano, Javier Krahe, Amaral. Foi escenario da gravación do último disco do Mestre do Jazz español, Pedro Iturralde, titulado Etnofonías. Peregrinaxe musical a Compostela, que ademais foi producido por un selo porpio do local, o DADO-DADÁ RECORDS creado para gravar, exclusivamente, os concertos de Jazz en vivo e en directo do local. Segundo recolle El Correo Gallego a empresa eMe vencellada ao mundo das producións audiovisuais levará a cabo unha reforma integral do espazo, que apenas mudou nestes case corenta anos, cara a unha proposta máis vangardista e pretende ofrecer unha programación cultural diaria no local sito na Rúa Alfredo Brañas da capital galega.