Óliver Laxe leva O que arde á selección oficial do Festival de Cannes

O director galego proxectará o seu filme sobre os incendios na sección Un certain regard

Logo de ter obtido cos seus dous filmes anteriores galardóns de seccións paralelas, Óliver Laxe participará este ano por vez primeira na selección oficial do Festival de Cannes. O que arde, que segundo o director é un "documental creativo" no que aborda a problemática dos lumes forestais a seguir a figura dun pirómano na comarca dos Ancares, poderá verse no marco da sección Un certain regard do prestixioso festival francés. O traballo de Laxe compite con outras 15 producións por un galardón dotado con 30.000 euros. O festival desenvolverase entre o 14 e o 25 de maio vindeiros.