Máis de 200.000 euros para recuperar o círculo prehistórico sepultado por unha estrada na Mariña

Ergueuse o talude da VAC Costa Norte por riba dun xacemento da Idade do Bronce

Ergueuse o talude da VAC Costa Norte por riba dun xacemento da Idade do Bronce
O 'henge' de Lavandeira (Xove). Foto: Mariña Patrimonio
A Xunta anunciou a licitación, por un importe de 212.000 euros, da operación de retirada de 13.000 metros cúbicos de recheo que sepulta a metade do singular xacemento arqueolóxico de Lavandeira (Xove). O recheo de terra fíxose durante a construción da Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte. O xacemento non foi identificado nos controis arqueolóxicos preceptivos anteriores á construción da infraestrutura. A asociación Mariña Patrimonio, con posterioridade á construción do talude por parte da construtora, localizou o xacemento durante unha revisión da fotografía histórica da zona, como o famoso 'voo americano' de 1956, complementado coas imaxes LIDAR que revelan as alteracións do terreo na área. O achado foi notificado á Dirección Xeral de Patrimonio, quen procedeu a catalogalo en novembro de 2015 e posteriormente encargou un estudo arqueolóxico para determinar a súa antigüidade. A investigación permitiu determinar por primeira vez a existencia en Galicia de 'henges', unhas estruturas prehistóricas circulares da Idade do Bronce habituais nas Illas Británicas. Desde entón, estanse a localizar outros destes xacementos por todo o noroeste. Agora a Xunta asume o custe da retirada do talude de dez metros de alto que sepulta a metade do 'henge' de Lavandeira.


Evolución do xacemento de Lavandeira (Xove). Esquerda, o xacemento en 2009. Dereita, o xacemento (resaltado en vermello) trala construción da VAC Costa Norte, en 2016. Fonte: PNOA.