O Courel é recoñecido pola UNESCO como primeiro Xeoparque Mundial galego

Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil promoveron esta candidatura

| Santiago. Redacción | Seccións: Medio Ambiente
Compartir:
Sinclinal do Courel. Fotografía do Concello de Quiroga.

Sinclinal do Courel. Fotografía do Concello de Quiroga.

O Comité Executivo da UNESCO acaba de recoñecer, na súa 206 xuntanza, o proxecto Montañas do Courel como primeiro Xeoparque Mundial de Galicia. O título, co que contan na actualidade un cento de localización en todo o mundo, recoñece espazos "onde as paisaxes e lugares de relevancia xeolóxica internacional son xestionadas a seguir un concepto holístico de protección, educación e desenvolvemento sustentable". A candidatura a esta declaración promóvese desde 2016 polos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil en colaboración co grupo de desenvolvemento rural Sil-Bibei-Navea. O espazo súmase aos doce xeoparques recoñecidos no conxunto do Estado.

Segundo sinala Martín Alemparte, coordinador da iniciativa, a declaración supuxo unha sorpresa polo pouco tempo en que se preparou a proposta. "En 2016 asociáronse os concellos, en 2017 fíxose a solicitude e o pasado ano viñeron facer a auditoría", resume. "Ademais foi unha candidatura que se promoveu desde a base, con poucos medios humanos e materiais. Trátase de tres concellos pequenos e con limitacións orzamentarias. É certo que o territorio ten uns valores importantes e que poboación está implicada, que é algo que tamén se valora" desde a UNESCO.

Como seguintes pasos nestes procesos, segundo sinala, o reto é "planificar unha boa xestión. Cómpre pór en marcha de xeito profesional a estrutura de xestión directa do Xeoparque, hai que se dotar de persoal para o programa educativo e planificar e coordinar accións de xeoturismo". A maiores, apunta a necesidade de desenvolver medidas para favorecer a produción e comercialización de produtos locais que se poidan beneficiar desta marca.

Entre os elementos xeolóxicos destacados da zona destaca a sinclinal de Campodola-Leixazós, as covas cársticas, lagoas, fervenzas ou mesmo pegadas de minaría romana.

Que che parece esta nova?
100 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Courel, Sil, UNESCO, Educación

Claves

Entidades
Conceptos
Lugares