O audiovisual televisivo volve a Cannes a buscar distribución global

Seis empresas conforman a delegación galega no MIPTV

Unha delegación do audiovisual galego baixo a marca Films from Galicia, está xa no mercado MIPTV na localidade francesa de Cannes, buscando mercados para a produción televisiva da nosa comunidade. As empresas CTV, DocsHub, Portocabo, Somadrome, Treeline Distribution e Voz Audiovisual participan xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) nesta misión institucional e comercial á que é a meirande feira mundial para a comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos dixitais para televisión. O punto de encontro da delegación galega en MIPTV é o espazo da marca Films from Galicia dentro do pavillón español, organizado polo ICEX España Exportación e Inversiones do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal.

Neste mercado Agadic está a distribuír a nova edición do seu catálogo de produtos cinematográficos e televisivos, que no apartado TV from Galicia recolle tres proxectos en coprodución internacional encabezados por compañías galegas (Unha casa en Amargura, de Ficción Producciones; Auga seca, de Portocabo; e Garbo: o espía que enganou a Hitler, tamén de Portocabo con Vaca Films), ademais de seis series e filmes para televisión xa rematados. O MIPTV en Cannes, que se celebra ata o vindeiro xoves, reúne cada ano uns 11.000 profesionais dun centenar de países, entre os que preto de 4.000 se rexistran como compradores.