Os III Premios María Luz Morales recoñecen a José Coira e Sara Varela

Xurxo González e Eire García viron tamén recoñecidos os seus ensaios sobre audiovisual

Entrega do III Premios María Luz Morales
Entrega do III Premios María Luz Morales
Argumentos de películas é o título do traballo co que José Coira se impuxo na categoría de ensaio escrito dos III Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. A ICC Week de Ourense acolleu onte a entrega destes galardóns, que tamén recoñeceron o traballo de Sara Varela, que levou o premio ao mellor videoensaio sobre audiovisual galego con B Positivos. Pola súa banda, Xurxo González foi galardoado co premio ao ensaio escrito sobre audiovisual internacional por O palco dum povo: Oliveira 2.0 e Eire García obtivo o de videoensaio sobre audiovisual internacional con Propaganda de guerra.



Cada un dos premios, que organiza a Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas, conta cunha dotación de 1.200 euros. A organización salientou o incremento de obras presentadas a concurso, que chegaron a 36 nesta ocasión.

En canto a accésits, Sara Donoso acadou o de ensaio escrito sobre audiovisual galego con
Unha aproximación a Mimosas, de Oliver Laxe, dende a pintura a paisaxe e a mística, mentres no campo internacional foi Antón Varela e a súa Dialéctica da suplantación: imaxe, espectador e ultracorpos o que levou este galardón. Finalmente, os accésits en videoensaios foron para Nós, as desenfocadas de Irene Basanta no ámbito galego e para Series diferentes de Denisse Lozano no internacional. Todos os traballos premiados están dispoñibles de xeito íntegro no web da Academia Galega do Audiovisual.