A Semana da Filosofía de Pontevedra centra a súa atención nas fronteiras

Quince conferencias en tres bloques vertebran o programa da XXVIª edición

As preguntas que no momento actual suscitan os bordes fronteirizos en circunstancias políticas e sociais moi diferentes por todo o mundo serán a base de debate da XXVI Semana Galega da Filosofía de Pontevedra. Entre o 22 e o 26 de abril a Aula Castelao organiza coa colaboración da Vicerreitoría do campus e do Concello pontevedrés este evento que ofrecerá un programa con 15 conferencias baixo o título Filosofía e Fronteira. As conferencias, que terán lugar no Teatro Principal, estrutúranse en tres bloques de cinco conferencias cada un: Pensar a fronteira, A fronteira na Galiza e Retos e trampas da fronteira. Os bloques están diferenciados polas franxas horarias do programa nos que irán cada un ao longo dos catro días de congreso. A asistencia é aberta e gratuíta. O luns 22 ás 10:30 horas abrirá o congreso a catedrática de Socioloxía da universidade estadounidense de Columbia Saskia Sassen, premio Príncipe de Asturias en 2013. Mentres que a clausura, o venres correrá a cargo do representante da Fronte Polisaria en Alxeria Buchraya Hamudi Bayun.

A catedrática da Universidad Complutense de Madrid Ángeles Díez, abordará ese luns "a fronteira desde o auxe do discurso xenófobo" O martes, a catedrática de Filosofía da Universidade de Roma III Emanuela Fornari abordará cuestións como "o feminismo, as migracións, a globalización e o poscolonialismo". O programa desta edición foi presentado o venres por Ana Regueira, presidenta da Aula Castelao de Filosofía, acompañada polas integrantes da Aula Castelao Diana Vilas e Mercedes Moreno.

Francisco Rodríguez, Barreiro Rivas e Núñez Seixas
Polas tardes, a partires das 17.00 horas, desenvolveranse outros cinco relatorios baixo o título de A fronteira na Galiza, o primeiro, a cargo do político e catedrático emérito de ensino medio Francisco Rodríguez, quen abordará "a fronteira galaico-portuguesa ao longo da historia". O martes, Cheik Faye, profesor senegalés que emigrou a Galicia, abordará "a realidade migratoria partindo da súa propia experiencia", mentres que o mércores o historiador da USC e coordinador do Arquivo da Emigración Galega (CCG) Xosé Manuel Núñez Seixas reflexionará sobre o que a emigración significa para Galicia. O xoves o catedrático emérito da USC Xosé Luis Barreiro relacionará a idea de fronteira "coa filosofía e a identidade", e o venres Paula Godinho, antropóloga da Universidade Nova de Lisboa, falará da evolución da fronteira galego-portuguesa. Xa no bloque de Retos e trampas da fronteira o psiquiatra e profesor da Universitat de Barcelona Joseba Achotegui tratará o mércores os efectos psiquiátricos da migración.
Ligazóns