Tui ingresa na Rede de Xudarías de España

Súmase a Ribadavia e Monforte neste organismo que recoñece a pegada xudía nas vilas

29/3/2019 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
16 lecturas | Compartido 0 veces

Sambenitos conservados na catedral de Tui

A asemblea da Rede de Xudarías de España aprobou onte o ingreso da vila de Tui como membro. Deste xeito, o noso país conta xa con tres vilas que fan parte deste organismo que investiga e promove a pegada xudía nun total de 22 localidades de todo o Estado. Canda a Tui, fan parte da Rede Ribadavia e Monforte. O pleno da Rede recoñeceu a importancia do legado hebreo nesta vila, cun exemplo único de patrimonio a nivel europeo como son os Sambenitos, catorce paneis conservados no Museo Diocesano que se empregaban como penitencia para castigar a persoas por desenvolver prácticas xudaizantes.
Canda a isto, a Rede recoñeceu tamén a singularidade da coñecida como casa de Salomón na rúa Canicou, "única na súa tipoloxía en Galicia, cun patio central arredor do que se distribúe a vivenda, xunto á menorá gravada na pedra do claustro catedralicio, que testemuña a relación existente entre a comunidade xudía e a cristiá", segundo explica o Concello.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
2 lugares identificados
Claves temáticas
Lugares