A Academia Galega de Teatro convoca o seu congreso para 2020

Quere sentar as bases das políticas teatrais da vindeira década

26/3/2019 | Santiago. Redacción | Seccións: teatroartes escénicas
12 lecturas | Compartido 0 veces
A Cidade da Cultura acollerá entre o 25 e o 28 de marzo de 2020 o I Congreso Internacional do Teatro Galego, que organiza a Academia Galega de Teatro. A entidade xa anunciara na súa presentación pública en marzo de 2018 a súa vontade de levar a cabo este congreso, involucrando a numerosos axentes do sector. Hoxe no Consello da Cultura Galega detallou os obxectivos, a estrutura básica e o inicio do prazo de envío de comunicacións. Co obxectivo expreso de pensar no futuro do teatro do país para o 2030, a presidenta da Academia, Inma Antonio, sinalou o interese de que o congreso sirva para axudar a crear un plan estratéxico ou "unha lei do teatro" na vindeira década.
O congreso está artellado en tres grandes ámbitos temáticos que se inician con relatorios dos que xa hai nomes confirmados. Deste xeito, "Experiencia, actualizade e modelos externos" abrirase cunha conferencia de Cristina Domínguez, vicedirectora da Escola superior de Arte Dramática de Galicia, "O teatro e os públicos" por parte de Lucina Jiménez López, doutora en Ciencias Antropolóxicas pola Universidade Autónoma Metropolitana de México e "A creación e os seus procesos" será impartida por Lluís Pascual, director de escena e fundador do Teatro Lliure.
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal

10/02/2022

Os alicerces do vindeiro teatro

Os textos do I Congreso Internacional do Teatro Galego preséntanse como base para mudar o paradigma das artes escénicas