O Salón LIX de Pontevedra celebra o XX aniversario reivindicando a súa 'revolución'

Antonio García Teijeiro será o autor homenaxeado e a lusofonía cultura convidada

 Cartel do Salón. Obra da artista estoniana Tiuu Kitsik
Cartel do Salón. Obra da artista estoniana Tiuu Kitsik
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ven de presentar o programa da edición na que celebra o seu vinte aniversario. A Revolución é o lema co que se presenta o programa deste ano que lembra que o Salón chegou hai vinte anos a Pontevedra coa vontade de revolucionar a cidade e a organización considera que o conseguiu. "Cambiounos á cidade e á nós", din, "con el aprendemos que a literatura infantil e xuvenil non era só cousa de crianzas, e que non era a rama pobre da Literatura —que din— con maiúsculas". O aniversario chega ademais acompañado da candidatura do evento ao premio Iniciativa cultural ou fomento da lectura dos Premios gala do Libro Galego. Entre o 22 de marzo e o 12 de abril o programa ofrece ata 300 actividades diferentes no Pazo da Cultura de Pontevedra e Antonio Garía teijeiro será o autor homenaxeado desta volta. Nesta XX edición a cultura convidada non está restrinxida a un país en concreto senón que abarca todo o ámbito da Lusofonía. A lingua portuguesa, "lingua irmá do noso idioma" será reivindicada e visibilizada a través de palabras escritas e narradas, de imaxes, teatro, música e gastronomía. Neste sentido, unha das novidades deste Salón será a apertura do Recinto Feiral tamén no mediodía das fins de semana cun servizo de cantina con petiscos lusófonos.