Malores Villanueva asina a biografía de Antonio Fraguas

Galaxia publica o libro que recolle a vida e a obra do homenaxeado no Día das Letras de 2019

Antonio Fraguas. Mestre da memoria é o título da biografía que acaba de publicar Galaxia e que recolle a vida e a obra do homenaxeado no Día das Letras deste ano. Malores Villanueva asina este estudo "cun estilo áxil, nun relato ateigado de anécdotas que non renuncia ao rigor documental", segundo salienta a editora. "A súa lectura é unha viaxe polo século XX", sinala a presentación da obra a destacar que "o seu labor investigador, a súa entrega á docencia, as súas facetas de primeiro locutor de radio ou de director do Museo do Pobo Galego, incluso a súa incursión cinematográfica" son algúns dos feitos que se recollen no volume de 200 páxinas e que xa está a chegar ás librarías do país.