Demandan perspectiva de xénero para as bibliotecas, arquivos e museos

A asociación de documentalistas profesionais reivindica a construción dunha memoria social máis xusta coa muller

Co gallo do Dia Internacional da Muller a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD Galicia) fixo público un comunicado cunha serie de reivindicacións propias da súa actividade e que buscan innovar e contribuír na construción desde a igualdade de "unha memoria social máis equitativa e máis xusta". Facendo seu o lema escollido pola ONU para este día, "Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio", desde BAMAD instan ás institucións públicas responsables de sistemas de arquivos a incluír a perspectiva de xénero nos seus procedementos e plans. "Desde as Institucións da Memoria temos a obriga de visibilizar ante a sociedade e rescatar para a historia o papel, até agora oculto, das mulleres como suxeito participante das actividades humanas ao longo do tempo: traballadoras, autoras, creadoras, propietarias, empresarias, artistas, pensadoras...", di o comunicado. BAMAD insta á Xunta, Ministerio de Cultura e Ministerio de Defensa entre outros, a actualizar os seus sistemas de arquivos con esta intención, activar o Plan de Arquivos previsto na Lei de Arquivos de Galicia, incluír a perspectiva de xénero tamén no traballo da rede de Museos de Galicia. O colectivo bibliotecario e arquiveiro lembra a ampla maioría feminina que o compón e relaciona esa circunstancia cunha situación de "menor prestixio social e menores salarios" que denuncian e que as leva a demandar condicións de traballo máis xustas e equitativas a varios niveis, como que a presenza de arquivistas, bibliotecarias e museólogas sexa acorde á composición real da profesión en xornadas, seminarios, congresos, ciclos de conferencias e publicacións.