Belén Pichel e Cándido Pazó dirixen a coprodución a 'A compañeira de piso'

A obra protagonizada por Patricia Vázquez e Rebeca Montero estréase no Salón Teatro de Santiago

Dentro do programa de coproducións que esta temporada presenta o Centro Dramático Galego estréase este xoves 28 no Salón Teatro de Santiago a obra A compañeira de piso da compañía Contraproducións. Belén Pichel e Candido Pazó dirixen esta adaptación de Lilan Portela sobre o texto de Jen Silverman que protagonizan Patricia Vázquez e Rebeca Montero. Na obra Sharon (Patricia Vázquez), unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa no corazón do rural de Iowa. Sharon procura alguén coma ela, unha compañeira, se cadra, unha amiga. A chegada de Robyn (Rebeca Montero) para ocupar o cuarto deixa a Sharon de pedra xa que non podían ser máis diferentes: lesbiana, vegana, chegada do BronxÂ… Pero lonxe de arredarse, Sharon comeza a experimentar co estraño (e prohibido) xeito de vida de Robyn sen saber que a súa inquilina procura un refuxio no que agocharse e cambiar de vida. Unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila. O espectáculo conta con música orixinal de Guillerme Fernández e estará en cartel no Salón Teatro ata o día 3 de marzo para despois comezar a xirar por auditorios de Vilagarcía de Arousa, Boiro, Muros e Cangas do Morrazo o resto do mes.