Xosé Luís Mosquera gaña o IVº Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía

A obra 'A traxedia da arquitectura' acadou a unanimidade do xurado sobre outras corenta presentadas

O escritor Xosé Luís Mosquera Camba ven de ser recoñecido co Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía na cuarta edición deste galardón convocado polo Concello de Guitiriz. O poemario A traxedia da arquitectura, presentado baixo o lema Ada Murati foi elixido entre ao redor de 40 orixinais de xeito unánime polo xurado formado por Miguel Anxo Fernán Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo. Segundo a acta, o xurado estimou o "excelente traballo de fusión e recreación das máis diversas tradicións poéticas para conformar un fulgurante collage". O premio consiste en 2.000 euros e a publicación da obra a cargo de Espiral Maior. O fallo do xurado comunicouse coincidindo coa presentación da edición da obra premiada na anterior edición do certame, Oracións profanas de Xurxo Alonso.