A Federación de Cineclubes recibe o Premio José Seller da Academia do Audiovisual

Co galardón recoñecese o papel principal destas entidades na promoción da cultura cinematográfica

Co galardón recoñecese o papel principal destas entidades na promoción da cultura cinematográfica
A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu outorgarlle á Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA) o Premio Especial "José Sellier", que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual. Con este premio, a Academia quere poñer en valor que "os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade". A AGA salienta que no ámbito dos cineclubes, o audiovisual convértese en elemento de debate, estudo crítico, e nel fórxanse espectadores receptivos e críticos co cinema. A Federación de Cineclubes de Galicia é unha asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro, constituída o 8 de xullo de 1984 e que, con carácter de Federación, agrupa á práctica totalidade dos cineclubes existentes no noso país, que actúa como xestora destes, e ademais, como prestadora de servizos de asesoramento e organización de proxectos a entidades oficiais e privadas; programas de proxeccións, talleres de cine, mesas de debate relacionadas co cinema, etc. O presidente da FECIGA, Manuel Precedo, recolleu o galardón no Encontro de Finalistas dos XVII Premios Mestre Mateo que se celebrou no Palexco da Coruña e ao que asistiron finalistas de todas as categorías, a directora da gala -Sonia Méndez-, e numerosas autoridades.

A gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o próximo 2 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, estará protagonizada por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos-. Dirixida por Sonia Méndez, a cerimonia estará ambientada na ciencia ficción partindo da idea dunha nave que chega desde milenios no futuro ata o acto de entrega dos Premios Mestre Mateo do ano 2019 para recoller información sobre o audiovisual e a cultura galegas do presente, xa que no futuro non existen. O espectáculo e a cerimonia de entrega dos premios poderá seguirse a partir das 22h00 na primeira canle da Televisión de Galicia.