No Día Internacional da Lingua Materna, o corpo de Procedementos Especiais do Consello de Dereitos Humanos da ONU ven de facer público nun comunicado a declaración feita polo experto independente Fernand de Varennes, Relator Especial deste corpo que é o maior organismo de expertos independentes do sistema de Dereitos Humanos da ONU. Como ven de recordar Sermos Galiza, este comunicado sobre a declaración do relator cobra especial importancia para a nosa lingua ao estar difundido por vez primeira en galego, entre as 28 linguas elixidas para facelo pola Organización das Nacións Unidas, ademais de en catalán, euskera e español. No comunicado dáse conta de que De Varennes dá a lingua o valor de marcador do centro da identidade para moitas persoas. «É unha ligazón esencial co noso pasado, o vínculo principal das nosas culturas, e a ferramenta básica para comunicármonos e compartir coñecementos, lembranzas e historia», reproduce o comunicado literalmente da declaración feita polo relator especial. «Como parte da celebración da riqueza e beleza do tecido lingüístico mundial, é imprescindíbel apartármonos da ideoloxía de que as sociedades e estados deben ter só unha lingua e excluíren todas as demais, cando isto entra en conflito cos dereitos lingüísticos das minorías e dos pobos indíxenas. Polo tanto, o Día Internacional da Lingua Materna é unha oportunidade para promover e celebrar a diversidade lingüística e cultural, e para recoñecer e protexer os dereitos humanos das minorías e pobos indíxenas en relación coas linguas», asegura o Relator Especial da ONU. Os expertos de Procedementos Especiais como Fernand de Varennes traballan de xeito voluntario; non son persoal da ONU nin cobran un soldo polo seu traballo. Son independentes de calquera goberno ou organización e traballan a título individual.