O Parlamento solicita que a toponimia galega sexa recoñecida pola UNESCO

O Ministerio de Turismo anunciou o seu apoio a que o casco urbano de Lugo aspire a Patrimonio da Humanidade

Continúa a aposta por conseguir novos recoñecementos da UNESCO para o patrimonio galego. Logo dos avances nas candidaturas das Illas Atlánticas ou da Ribeira Sacra, esta semana presentáronse dúas novas propostas que queren comezar esta andaina. Por unha banda, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha solicitude para que a Xunta valore "a candidatura da toponimia galega a Patrimonio Cultural da Humanidade da UNESCO, estudando se sería posible e realista acadar esta declaración". Esta solicitude, presentada polo grupo parlamentario de En Marea e aprobada logo dunha modificación, requírelle ademais ao goberno galego "un novo impulso ao desenvolvemento de plans e programas para a recuperación, defensa e salvagarda da toponimia galega, promovendo con recursos económicos, persoais e materiais iniciativas encamiñadas a esta finalidade".


En paralelo a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciou esta semana na súa visita a Lugo o seu apoio a que o casco histórico da cidade aspire á declaración de Patrimonio da Humanidade. De cara ao proceso, o Concello anunciou a creación, en colaboración coa Universidade de Santiago, dun Centro de Estudos da Cidade que se aloxará no Vello Cárcere. Ademais, o goberno local baralla unha serie de accións a prol da candidatura como congresos, proposta de formación para guías turísticos e traballos de mellora dalgunhas das zonas do casco histórico. Segundo adiantou a alcaldesa, Lara Méndez, a intención é que a declaración se realice mediante a ampliación da que xa teñen elementos da cidade como a Muralla, o Camiño Primitivo e, vencellada a este último, a catedral.