A literatura galega estará presente nas cinco feiras do libro internacionais deste 2019

A licitación da organización de postos e actos xa está en fase de resolución

A Dirección Xeral de Políticas Culturais dedica este ano ata 207.999 euros á organización de actos da Consellería de Cultura e Turismo nas feiras do libro internacionais do ano segundo consta nas bases publicadas na Plataforma de Contratos de Galicia. Se o pasado ano por estas datas non estaba clara a presenza institucional en catro dos cinco eventos internacionais do sector literario (Bolonia, Madrid, Frankfurt e Guadalajara) por un desencontro entre Xunta e Asociación Galega de Editoriais, este ano xa están en marcha as licitacións necesarias para desenvolver actos nestas catro feiras e máis en Buenos Aires. Os cinco lotes (un por feira) licítanse por separado contando con condicións técnicas de equipamento, persoal e materiais moi semellantes en todos os casos. O importe total do orzamento base de licitación será de 207.999,99€ IVE incluído. Deses importes a meirande das partidas corresponderá á feira de Buenos Aires (Arxentina) que conta con ata 60.000 €de base de licitación (IVE inc.) para a súa celebración que terá lugar entre o 23 de abril e o 13 de maio. A outra cita que ten lugar en terras americanas, a feira de Guadalajara (México) conta con ata 50.000 € (IVE inc.) para a súa licitación. A feira de Madrid (Liber) contará con ata 25.000 € das contas de Cultura para a organización da representación galega entre o 2 e o 4 de outubro, mentres que a primeira das citas internacionais, a feira do libro infantil e xuvenil de Bolonia a celebrarse do 1 o 4 de abril ten unha partida de base de licitación de 34.000 euros. Catro empresas están admitidas en total para o conxunto dos lotes, cuxa licitación definitiva se coñecerá en breve.

Pola súa banda desde a AGE xa anunciaron que, satisfeitas polo resultado so pasado ano, as editoras participarán de novo na Feira Internacional do Libro de Boloña con stand propio. A contratación do espazo permitirá que as editoras galegas estean representadas polo seu propio gremio ademais de contar cun catálogo específico para esta feira, elaborado pola propia AGE e que incluirá as principais novidades das editoras asociadas. Nas seguintes citas internacionais –principalmente Frankfurt e Liber– a AGE decidirá que modelo será o máis axeitado para o seu colectivo.