Miguel-Anxo Murado e o angolano Valter Hugo Mae abre o Poetas Di(n)versos de inverno

Hoxe terá lugar a primeira das tres citas que conforman esta tempada centrada na lusofonía

O ciclo Poetas Di(n)versos iniciase hoxe no centro Ágora cun recital que anticipa a lusofonía como fío condutor da súa programación para o ciclo de inverno. A programación do primeiro trimestre recibe a poetas como Valter Hugo Mae, Vera Duarte e Andrew McMillan, que estarán acompañados por pola voces galegas de Miguel-Anxo Murado, Gonzalo Hermo e Lucía Novas. Hoxe ás 20.30 horas no Centro Ágora, o público poderá escoitar ao angolano Valter Hugo Mae, un enfant terrible das letras portuguesas en palabras de Yolanda castaño, programadora do ciclo. Mae é polígrafo, e ademais de escritor é editor, cantante e presentador de televisión. Xunto a el estará Miguel-Anxo Murado, a quen Castaño cualificou coma "un rara avis da literatura galega, hoxe residente en Madrid, e que foi tamén xornalista especializado en conflitos bélicos, así cubriu a guerra dos Balcáns e traballo para a ONU en Oriente Medio durante anos, ensaísta inesquecible co seu Outra idea de Galicia , pero tamén poeta, con dous magníficos libros".


A segunda das xornadas, que se celebra o 25 de febreiro, conxugarase en feminino coa
presenza da caboverdiana Vera Duarte e Lucía Novas. Duarte, foi ministra de Cultura do seu país, ademais de xurista e unha gran defensora dos dereitos humanos. En marzo, o luns 18, o ciclo contará con Andrew McMillan, "a auténtica revelación británica, que concede máis capas e matices á construción da masculinidade", e con Gonzalo Hermo, primeiro galego que acadou o Premio Nacional de Poesía Joven e que o fixo cunha obra en galego, para “establecer un certeiro diálogo sobre as diversidades de sexo e xénero”. Os recitais do ciclo Poetas Di(n)versos, que conta coa colaboración do Concello da Coruña para facilitar á cidadanía o acceso a este estilo literarios, son gratuítos e celébranse ás 20.30 horas no Ágora. Como é habitual, cada cita coa poesía contará con librerías da cidade para ofrecer a oportunidade de adquirir exemplares das autoras e dos autores participantes no recital.