Somos criminais reivindícase como o espectáculo con máis público da escena galega

A montaxe de Carlos Blanco e Xosé Touriñán vendeu 50.000 entradas en nove meses

O espectáculo cómico que protagonizan Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco Somos criminais é a montaxe con maior éxito de público da escena galega. Cando menos así o reivindica Ainé, produtora do evento, a sinalar que desde a súa estrea o pasado 31 de marzo lévanse vendidas 50.000 entradas para este proxecto. A obra, que pasou polas sete cidades e outras tantas vilas conseguiu esgotar as entradas en todas as súas funcións, mesmo tendo programadas varias sesións num mesmo día. As vindeiras paradas da xira serán a Coruña (con seis funcións entre o 11 e o 13 de xaneiro), Ourense (día 18) e Narón (25 e 26). Os protagonistas amosáronse sorprendidos pola boa recepción do público e sinalaron que logo das funcións en Narón finalizarán a xira, aínda que non descartan retomar o espectáculo noutro momento.