Un duplo disco da RFG presenta composicións recuperadas de José Arriola

O álbum ofrece unha selección das obras inéditas do pianista atopadas nunha residencia de anciáns

A Real Filharmonía de Galicia e o Consello da Cultura Galega presentaron o disco José Arriola. Orchestral Music, con obras inéditas do compositor galego. É o resultado dun proxecto de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o Consello da Cultura Galega que arrincou en 2010 coa edición das obras completas e a gravación no Auditorio de Galicia dun dobre CD baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG, que sae agora á luz da man do selo discográfico Brilliant Classics. O betanceiro José Arriola (1895-1954), o compositor galego máis universal do seu tempo e un dos máis relevantes dentro do panorama nacional. É coñecido como o "Mozart galego" debido ás súas precoces composicións (con 3 anos xa compoñía) e ás súas cualidades pianísticas, que o levarían a tocar nos escenarios internacionais máis prestixiosos como a Ópera de Berlín ou o Carnegie Hall de Nova York, xerando unha enorme expectación. Foi discípulo de Richard Strauss, profesor seu de Composición en Leipzig. Desafortunadamente, se perdeu a meirande parte da súa obra, xunto á súa biblioteca e discografía, cando a súa casa de Berlín foi bombardeada durante a II Guerra Mundial.

O primeiro CD inclúe as obras Concertino para piano e orquestra e Divertimento concertante para dous pianos e orquestra. E o segundo recolle tres das Seis poesías de Antonio Machado: La aurora asomaba (El cadalso), La primavera besaba e Epílogo (Antonio Machado. Su destino); ademais de Tres textos cervantinos e Concerto para trompa e orquestra. Este traballo discográfico vén a completar un traballo iniciado en 2010 cando, a raíz do convenio de colaboración co Consorcio de Santiago, o Consello da Cultura Galega editou o libro Sobre Arriola. Esta publicación recolle aspectos biográficos, documentais e de difusión dun material inédito que apareceu por casualidade na residencia de anciáns Mi casa de Ferrol, onde pasou os seus derradeiros días a herdeira do compositor, a súa irmá Carmen Osorio. O libro está integrado na publicación Arriola, unha obra musical, que reúne, ademais, un total de 9 libros que conteñen as partituras rescatadas do autor, ademais de comentarios e notas da edición realizada polo compositor galego Joam Trillo. A publicación compleméntase agora con este dobre CD, que recolle unha selección das partituras orquestrais rescatadas, co fin de dar a coñecer unha obra de gran transcendencia histórica e con plena vixencia artística.



A obra gravada neste traballo discográfico sitúanos nunha etapa creativa e vital do compositor, con obras escritas a partir de 1946, cando establece o seu domicilio en Barcelona. Cronoloxicamente, a súa obra correspóndese ao segundo momento máis luminoso da creación musical de España, cunha música cargada de significado e melancólico lirismo. "Sabíamos que era un gran pianista pero non que era un magnífico compositor e descubrímolo grazas a este material" explicou Maximino Zumalave na rolda de presentación deste disco nas que tamén tomaron parte a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.