La Voz de Galicia abre un curso de galego en liña

Dez unidades didácticas de lingua e cultura ofrecen preparación para obter o certificado Celga 3

Dez unidades didácticas de lingua e cultura ofrecen preparación para obter o certificado Celga 3
Entrada á primeira unidade didáctica do curso en La Voz de Galicia
O xornal La voz de Galicia co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta ven de abrir un Curso de Galego en liña a través da súa web. Segundo avanza o xornal este curso, que comprende contido de lingua e cultura galegas servirá a calquera persoa interesada para prepararse de cara a presentarse e superar posteriormente por vías oficiais ás probas para a obtención dun certificado Celga 3, que acredita un coñecemento intermedio da lingua galega e que está adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas. Para obter esas competencias lingüísticas que permitan obter esa certificación La Voz de Galicia ofrece nesta ferramenta virtual, desenvolvida pola empresa coruñesa Netex e que a través de dez unidades didácticas que se van poñendo a disposición dos usuarios cada semana irán afondando no coñecemento da lingua e a idiosincrasia do país. Recorda La Voz de Galicia na presentación do curso: "A lingua dun pobo é o seu sinal de identidade, canle de comunicación e de coñecemento, e Galicia é posuidora dunha lingua propia: o galego".

Segundo a presentación que se fai deste recurso as unidades falarán das paisaxes, o deporte, a gastronomía, arte, literatura, música e cine. Cada unha das unidades combina textos dos colaboradores de La Voz, imaxes e vídeos, así como exercicios prácticos e a posibilidade de ir realizando unha autoavaliación dos coñecementos. A primeira unidade que abre o curso e xa está dispoñible versará sobre a ciencia e o físico Jorge Mirá actuará de anfitrión e condutor dos contidos. Nesta primeira unidade poderán, ademais de obter coñecementos lingüísticos, coñecer científicas e científicos galegos e coñecer a Reserva da Biosfera de Lugo. O curso apoiado desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta ten carácter gratuíto e requirirá un rexistro previo na web do xornal, como o resto de usuarios xa rexistrados neste medio de comunicación e que teñen acceso completo aos contidos do xornal e reciben ademais o servizo de newsletter. Estar rexistrado na web tamén permite á empresa acumular os datos de navegación e preferencias dos usuarios á hora de coñecer os seus intereses e ofrecerlles servizos personalizados.