María Xesús Lama gaña o Premio Nacional de ensaio coa súa biografía de Rosalía

O xurado recoñeceu a importancia da revisión da imaxe tópica da poeta que se fai na obra

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:
María Xesús Lama na rolda de prensa de presentación da obra en 2017. Foto: T. Navarro

María Xesús Lama na rolda de prensa de presentación da obra en 2017. Foto: T. Navarro

O xurado reunido polo Ministerio de Cultura para o Premio Nacional de Ensaio, ven de outorgar ese recoñecemento a María Xesús Lama (Lugo,1964) pola súa obra Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) (Editorial Galaxia, 2017) primeiro volume dunha biografía, que abrangue desde o nacemento da escritora ata 1863, ano da publicación de Cantares gallegos. Lama documenta nesta obra o retrato de Rosalía de Castro como muller alegre, social, dinámica, independente e con ideas propias moi claras fronte a unha falase imaxe dunha escritora traumatizada, sufrinte, illada, derrotada, á sombra da tutela dun home e dependente del no social e no intelectual. "As persoas que a coñecían dun xeito directo, que estaban máis próximas a ela, a súa familia as súas fillas nos daban a testemuña dunha muller alegre e iso dalgún modo contradí con toda a imaxe que recibimos de Rosalía. Era unha muller alegre e vital, que tocaba a guitarra, que cantaba, que transmitía vitalidade e forza", aseguraba Lama o pasado ano durante a presentación deste volume no Consello da Cultura Galega. En concordancia con esta perspectiva o xurado elixiu esta obra publicada en galego por "contribuír a revisar unha imaxe tópica de Rosalía de Castro ancorada nunha visión romántica e queixosa, amosando a unha escritora lúcida, independente e defensora da liberdade, a igualdade e a xustiza social". A autora é profesora de Estudos Galegos na Universidade de Barcelona e comezou a escribir esta obra en 2012 para a súa publicación na Colección Grandes Biografías de Galaxia. O primeiro volume, agora premiado, é o único publicado ata o de agora.

Que che parece esta nova?
76 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

As caras dunha icona

As caras dunha icona

A imaxe de Rosalía de Castro deveu nunha auténtica icona que representa o conxunto da nosa cultura

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Rosalía de Castro, María Xesús Lama, Ensaio, Igualdade...