Iria Pinheiro leva as táboas a violencia obstétrica con 'Anatomía dunha serea'

A obra autobiográfica estréase hoxe na Ramallosa

A actriz e cantante Iria Pinheiro estrea hoxe no Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo) a súa produción Anatomía dunha serea. A obra de carácter autobiográfica e testemuñal é a metáfora dunha agresión agochada na intimidade de moitas mulleres despois de parir nun hospital. Unha testemuña escénica en primeira persoa sobre a violencia obstétrica sucedida no eido hospitalario que pretende abrir ao público un debate silenciado a través do relato autobiográfico verídico dunha muller que entrou no hospital para dar a luz sen saber exactamente a que se enfrontaba. A obra, con dirección de XRon é un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí.Anatomía dunha sere>/i> é unha produción da Berberecheira, un viveiro de proxectos escénicos promovido e sostido por Chévere. A obra estréase hoxe no escenario residencia da compañía Chévere en Teo e estará no mesmo escenario os días 19, 25 e 26 de outubro ás 21,00h. Tamén se poderá ver a obra en Moaña o sábado 20 de outubro, no auditorio do IES As Barxas ás 22,00h., dentro dos XXXI Circuítos Teatrais que organiza o concello de Moaña.

Ligazóns