O OUFF comezará o vindeiro 29 de novembro

Miguel Anxo Fernández será o coordinador artístico do festival de cine

Miguel Anxo Fernández será o coordinador artístico do festival de cine
Miguel Anxo Fernández, Manuel Baltar e Carmen Leyte na sinatura do protocolo Foto: Dep. Ourense
Coa sinatura do protocolo de colaboración entre Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo, para a organización da 23ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF) desveláronse tamén algunhas das claves desta nova edición que supón tamén un punto e aparte na longa vida deste festival que pasa da responsabilidade do Concello de Ourense á do ente provincial tras un duro período de incertezas sobre a súa continuidade e desencontro co anterior equipo directivo. A nova edición do OUFF se celebrará do 29 de novembro ao 5 de decembro e terá a Miguel Anxo Fernández, vicepresidente da fundación "Carlos Velo", como coordinador artístico, e ao asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, como coordinador técnico. Os filmes exhibiranse no centro cultural "Marcos Valcárcel", no Teatro Principal, no Auditorio de Ourense, no Liceo e na sala do Cineclube Padre Feijoo. Coa sinatura deste protocolo entre o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, o ente provincial, que recentemente se fixo co dereito sobre a marca OUFF cedido polo concello, asumirá con cargo aos seus orzamentos os gastos de organización, e adscribirá, nas datas, horario e para as funcións que se determinen no seu momento, persoal propio, para a realización de tarefas necesarias para a organización do OUFF 2018, ademais de pór a disposición do Festival os espazos da súa titularidade: Teatro Principal e centro cultural "Marcos Valcárcel", nas datas e horario que se determinen.

Pola súa banda, a fundación asume a dirección, coordinación e execución da parte artística do festival de cine, incluídas as actividades culturais complementarias; a selección e visionado das películas, tanto as da sección oficial, como as dos ciclos paralelos; e a organización e gastos da exposición O retrato maior do noso cine, de Xulio Gil, dentro das actividades complementarias do Festival. O equipo humano que integra a edición deste ano está formado por: Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico; Aurelio Gómez Villar, coordinador técnico; Xosé Manuel Rodríguez, xornalista e durante anos xerente das Xociviga do Carballiño; Xosé Enrique Acuña, documentalista fotográfico; Antonio Piñeiro, xornalista e vinculado ao CeMAC; Chema Paz Gago, catedrático de Comunicación Audiovisual da UDC, e Laura Gardós Velo, presidenta honoraria da Fundación Carlos Velo, cineasta e guionista. Asimesmo, participan César Silva, xornalista vinculado historicamente ao Festival; Eduardo Galán, crítico cinematográfico; Paulino Pérez, profesor de Comunicación Audiovisual na Uvigo e coordinador do CeMAC; Miguel Grandío, graduado en Comunicación Audiovisual e coordinador do certame de curtas; Aldara Pagán, graduada en Comunicación Audiovisual; Suso Obenza, deseñador gráfico e autor do cartel e da imaxe gráfica do Festival, e por parte do "OUFF Escola", Ani Cacabelos. No acto presentouse tamén o logotipo do Festival e Manuel Baltar avanzou que o vindeiro venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobará as bases da sección oficial e do concurso de curtas.