Emilio Rúa presenta hoxe novo disco 'Duetos' un traballo de plenitude

O ourensán conta coa colaboración de dezaseis voces de primeiro nivel

O ourensán conta coa colaboración de dezaseis voces de primeiro nivel
Emilio Rúa. Foto promo Duetos
O cantautor ourensán Emilio Rúa presenta o seu novo disco, Duetos, hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Este oitavo álbum de Rúa tivo unhas condicións excepcionais respecto ao resto da súa carreira xa que foi gravado a dúo con dezaseis grandes nomes da música, como Pablo MIlanés, Victor Manuel, La Shica, Javier Álvarez, Rebeca Jimenez, Carmen Paris, Josele Santiago, Rozalén, Carlos Goñi, Vicky Gastelo, Soledad Gimenez, Rosa Cedrón, Javier Ojeda, Mercedes Ferrer, Luis Pastor e Dolo Beltrán. Na presentación do seu oitavo álbum no auditorio da Cidade da Cultura contará coa presenza de Victor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastelo. Segundo o autor, este disco é un paso moi importante na súa carreira e tamén para a música galega, "pois leva a artistas moi importantes do panorama estatal e internacional a cantar comigo en galego de forma maioritaria". En palabras do ourensán, este traballo é "un punto e aparte, neste momento no que cumpro a maioría de idade editando discos e compondo cancións". As entradas para o evento, que terá lugar ás 21 horas están á venda en Ticketea desde 6 euros.

Emilio Rúa, cantautor e músico natural das Vendas da Barreira (Ourense 1976) leva adicado ao mundo da música desde os sete anos de idade. Comezou a súa carreira profesional no grupo musical Concorde Atenea formado polo seu pai e os seus catro irmáns co que percorreron Galicia e as zonas limítrofes de Castela, Asturias e Portugal durante oito anos. Conta con oito discos publicados no mercado: Emilio Rúa (Edicións do Cumio 2000), Vida Miña (Boa Music 2006), Interior (Pai Música 2010), Despois de ti, a chuvia (Editorial Galaxia 2011) co escritor Xosé Carlos Caneiro, Destino sur (Autoedición/SGAE 2014), Querida Alegría (Autoedición/SGAE 2016), Cantares poesía galega (Autoedición/SGAE 2017) e este novo Duetos (Sorte discos 2018).