Cristina Pato presenta o seu novo traballo The Galician Connection

O cuarto disco en solitario da ourensá preséntase como o da súa madurez e evolución

Nove anos despois do seu anterior disco en solitario, a gaiteira e pianista Cristina Pato lanza un novo traballo coa súa discográfica habitual, Zouma Records. The Galician Connection é o titulo deste álbum que desde o selo ourensán presentan como “ un disco íntimo, maduro e introspectivo” que segundo eles mostra “a madurez dunha artista que soubo evolucionar”. Pato ven ademais de ser parte galardoada na cerimonia dos Grammy por ter participado no disco Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace que acaba de obter un destes galardóns como "Best Classical Crossover Album". Para The Galician Connection a gaiteira contou coas colaboracións de Rosa Cedrón, Victor Prieto Trío, a mezzosoprano canadense Patrice Jegou, o violín de Javier Cedrón e o seu cuarteto de corda, o bouzouki de Carlos Beceiro e unha longa lista. de amigos e artistas, incluíndo aos membros habituais da súa banda Laura Amado (voz) ou David G. Outumuro (percusión), Raquel Pato e Xan Padrón. O disco, gravado entre Nova York, Madrid, Galicia e Lisboa, é unha produción íntegra da propia Cristina Pato que ofrece 12 temas de autor compostos por Cristina Pato, Victor Prieto, Xan Padrón, Rosa Cedrón e Raquel Pato entre outros. Os temas teñen o seu título en galego tamén traducido ao inglés.

Ligazóns