O Festival Mar de Mares presenta a súa quinta edición na Coruña

Nove sedes acollerán o encontro multidisciplinar sobre os océanos entre o 20 e o 23 de setembro

O mar "como un escenario de aventuras, iniciativas de futuro, fonte de inspiración e soños compartidos" centra a quinta edición do Festival Mar de Mares que se presentaba onte na Coruña. Arte, ciencia, activismo, educación, gastronomía, deporte e emprendemento danse cita entre os vindeiros 20 e 23 de setembro neste evento que incorpora ao programa monólogos de ciencia. Sopa de plástico, a primeira exposición en Galicia da fotógrafa británica Mandy Baker, que retrata a pegada dos plásticos nos océanos, é un dos pratos fortes do programa, que contará co xa habitual Mercado do Mar a atender a vertente gastronómica e inclúe tamén actividades literarias da man das Bibliotecas Municipais e o encontro literario Palabras que baten coma ondas, que contará con Manuel Rivas, Rosa Aneiros e Suso Lista moderados por Xurxo Souto. Tamén participarán no encontro Patricia Reina e Fernando Gómez que darán a coñecer o seu proxecto Vivir sen plástico no marco dos proxectos inspiradores da Fundación Paideia. Un total de nove sedes farán parte desta iniciativa.