A Xunta crea o Premio Ramón Otero Pedrayo de ensaio sobre patrimonio cultural

O certame estará dotado con 5.000 euros e convocarase este ano

A Xunta creará e convocará este ano o Premio Ramón Otero Pedrayo de ensaio sobre paisaxe e patrimonio cultural galego, un galardón co que o goberno autonómico pretende fomentar a mellora do coñecemento xeográfico e paisaxístico de Galicia desde a vertente do patrimonio cultural, ao tempo que se promove a investigación e a produción ensaística sobre esta materia en lingua galega. Así mesmo, este recoñecemento servirá para homenaxear a figura do ilustre intelectual ourensán, polígrafo, intérprete e investigador da xeografía, o territorio, a paisaxe e a cultura do país. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comunicou a creación do premio precisamente durante unha visita ao pazo familiar de Otero Pedrayo, o de Trasalba, onde se reuniu onte co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, a quen lle comunicou a posta en marcha deste galardón. Segundo avanzou o Conselleiro o premio estará dotado con 5.000 euros e recoñecerá textos inéditos escritos en galego conforme á normativa vixente, en relación con labores de investigación e produción de coñecemento sobre a paisaxe e patrimonio cultural de Galicia. Para outorgalo valorarase a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica e a calidade literaria do texto.