Bieito Iglesias e Siro López son recoñecidos cos premios Insua dos Poetas

A Fundación recoñeceu tamén a plataforma contra mina de Touro, a Benigno Moure e a Andrés Rodríguez entre outros

O escritor Bieito Iglesias e mais o debuxante Siro López son os dous galardoados cos premios Insua dos Poetas deste ano nas categorías de creación literaria e de artes plásticas. Así o fixo saber o pasado sábado a Fundación Insua dos Poetas que coordina estes galardóns. Ademais, o xurado seleccionou a plataforma Mina de Touro-O pino non pola súa defensa do medio, o promotor da Fundación San Rosendo, Benigno Moure, como mellor iniciativa de acción social e Andrés Rodríguez, presidente de Viña Costeira en recoñecemento á súa iniciativa empresarial. Beatriz Carballo, pola súa banda, levou o galardón á migración e Cablevisión do Carballiño o de Medios.

Os premios, que consisten nunha peza orixinal de Acisclo Manzano, entregaranse na vindeira Festa da Palabra, que se celebra na Insua dos Poetas do Carballiño o vindeiro 28 de xullo.