O segundo semestre da rede de música ao vivo ofrecerá 136 concertos

Hoxe comeza a nova programación no Grove e Laxe

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) inicia hoxe a súa nova programación para o segundo semestre do ano con dous concertos de verán, que terán lugar na sala A Ventana de Laxe, onde actuará o grupo feminino Ejazz ás 23,30 h., e no Náutico do Grove, no que soará o rock hispano dos anos 60 a cargo de Los Mecánicos a partir da medianoite. Este circuíto promovido pola Xunta de Galicia desenvolverá ata finais de decembro 136 novos concertos a cargo de 41 formacións musicais de todos os estilos. A cifra de recitais súmase aos 145 xa realizados antes de xullo, polo que cando remate o ano terase ofrecido un total 281 citas coa música en directo nas 23 salas de 14 localidades que conforman a RGMV á que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) achega 185.000 euros, o que supón o 85% do seu orzamento total e un 105% máis que en 2017. As salas que acollen estás actuacións posúen diferentes tipos de licenzas municipais, non todas elas coinciden coa de sala habilitada para concertos segundo o actual Catálogo de espectáculos públicos e de actividades recreativas e de lecer da Xunta de Galicia o que pode dar lugar a conflitos ante a recente entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos de Galicia. Entidades de representación dos músicos e concellos xa pediron ao goberno autonómico a actualización urxente deste catálogo para evitar eses problemas.