Nace o Premio de novela Camiño de Santiago

Está dotado con 6.000 euros e aberto a obras en galego e en castelán

A Academia Xacobea en colaboración coa Consellería de Cultura, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, e co patrocinio de Naturgy presentaba onte a convocatoria do I Premio de Novela Camiño de Santiago. O novo galardón, dotado cun premio de 6.000 euros en metálico, está aberto a obras en galego e en castelán que teñan como tema referencial o Camiño de Santiago e que sexan novelas, relatos ou conxuntos de relatos. O traballo gañador será publicado pola Editorial Galaxia, tanto en galego (no selo Galaxia), coma e castelán (no selo Mar Maior). Ademais, establécese un accésit sen dotación económica para a mellor obra literaria redactada no idioma que non obteña o galardón. O prazo de presentación de orixinais está aberto ata o vindeiro 30 de outubro e o fallo do xurado coñecerase o vindeiro mes de decembro.