Jonathan Coe faise co Premio Novela Europea Casino de Santiago

O xurado recoñeceu a súa novela Expo 58

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Casino de Santiago, Ubaldo Rueda, anunciaban esta mañá o fallo do XIII Premio Novela europea que organiza a entidade compostelá. O xurado seleccinou a obra Expo 58, do británico Jonathan Coe como gañadora deste certame, fronte aos outros traballos finalistas, nesta ocasión O último día de Terranova, de Manuel Rivas; Cicatriz, de Juan Gómez-Jurado; Valor, de Clara Usón e A guitarra azul, de John Banville.

O xurado do galardón componse de tres seccións que fan a súa escolla entre cinco novelas da Unión Europea previamente seleccionadas por unha comisión de expertos. A sección A, cun peso do 30% na decisión final, está conformada por residentes, estudantes e persoas que desenvolvan a súa actividade profesional na capital de Galicia; a sección B, cun peso do 20%, inclúe todos os socios do Casino e a sección C, cun peso do 50%, está formada por representantes de distintos estamentos da cidade.