Máis de sesenta veciños de Vilaboa e Pontevedra organizáronse e traballan desde hai dous anos pola recuperación do río Gafos

Levados polo río

Chámanlle Cocho en Figueirido, Toxal en Bértola, Tomeza en Salcedo e Tomeza e, finalmente Gafos en Pontevedra. Son case once quilómetros dun curso fluvial moi deteriorado desde a Fonte da Boullosa, en Vilaboa, ata as Corbaceiras, na cidade de Pontevedra. E son estes once quilómetros de río os que levan xa máis de dous anos mobilizando uns sesenta veciños da zona que loitan por recuperar esa parte do seu contorno organizados na asociación Vaipolorio.

A comezos do 2001, o río Cocho/Toxal/Tomeza/Gafos atopábase nun lamentable estado de abandono. A broza que medraba incontrolada ao longo das súas ribeiras alternaba cos abondosos desperdicios deixados alí pola man do home. Os vertidos incontrolados salpicaban as augas de todo o curso e, cara á desembocadura, facían do río un auténtico sumidoiro, xa agochado en boa parte baixo un paseo. A día de hoxe a situación segue distando moito de ser idílica, pero este río conta cuns firmes defensores que traballan incansablemente por tiralo do esquecemento, a asociación Vaipolorío.



Mans á obra

"Comezamos coa sensación que lle producía a un grupo de veciños dar un paseo pola beira do río e observar todo o lixo", explica Xosé Manuel Feixóo, presidente da asociación. Como primeira medida este grupo de veciños, aínda sen organizar, enviaron cartas a diferentes institucións para solicitar medidas para recuperar o curso. Sen embargo, ante a falla de respostas concretas, decidiron poñerse mans á obra. Deste xeito comezou a primeira campaña de limpeza do colectivo Vaipolorío. Durante vinte domingos, arredor de sesenta veciños foron percorrendo as ribeiras, recollendo as toneladas de lixo acumuladas durante anos de abandono, limpando de broza a zona e observando polo miúdo as fontes de vertidos. Durante varias xornadas, os internos do Centro de Menores Avelino Montero colaboraron cos veciños na recuperación do río. Ao rematar cada xornada os participantes (unha media de vinte persoas) xuntábanse nun xantar.



Acción e denuncia

Despois deste titánico esforzo, retiraron cinco toneladas de refugallos entre plásticos, rodas, zapatos, roupa, cacharros de cociña e mesmo electrodomésticos. Para celebrar o traballo, organizaron a I Festa do Río, con música, xogos populares e, como non, un paseo polas beiras recuperadas. Ademais da limpeza, Vaipolorío elaborou un informe sobre as agresións ambientais que sufría o curso e iniciou un traballo constante de denuncia sobre a situación do río, levando o Gafos ás páxinas dos xornais locais e constituíndose nunha fonte imprescindible á hora de falar desta zona. Deste xeito estivo informando dos vertidos puntuais de determinadas empresas e ataca plans que supoñen importantes modificacións do leito, coma a empacadora de lixo de Vilaboa ou o porto seco que aínda se proxecta construír en Pontevedra.



Legalización e volta a empezar

Aínda que no comezo o traballo organizábase a través de cinco asociacións de veciños das parroquias ribeirás, a necesidade de axilizar a toma de decisións levou a que a xente do colectivo Vaipolorío decidise constituírse en asociación. En novembro de 2001 legalizábase esta entidade, con trinta e cinco socios fundadores e un número de colaboradores que completan uns sesenta membros, xa que, segundo sinala o web da asociación, “Vaipolorío considera que cada persoa que participa nas actividades, pasa a formar parte deste colectivo” e ten dereito a voto nas asembleas. Logo disto, e aproximadamente un ano despois da primeira campaña de Limpeza, os veciños do Gafos puxeron en marcha unha segunda, xa mais centrada no propio leito do río. “Pensamos que coa publicidade que lle demos a isto a xente se contería de tirar cousas”, sinala o presidente da asociación, “pero de novo as ribeiras estaban cheas de lixo”. Foron trece domingos máis, en que contaron con colaboracións externas. “O director da cadea da Lama, que participa activamente na limpeza, organizou un programa de reinserción e viñeron internos de segundo grado”, lembra Feixóo. Nesta xeira descubriron entre o lixo unha granada de piña e unha mina anticarro, aparentemente orixinarias do acuartelamento militar de Figueirido. Ademais de limpar, desta volta os veciños encargáronse de construír nove pasarelas con madeiras de refugallo para facilitar o tránsito ao longo do curso. Unha exposición de obxectos recollidos e unha nova festa completaron as actividades desta segunda xeira de limpeza.



Catalogar o río


”As poucas forzas que temos vanse todas en limpar”, sinala Feixóo. Pero a ambición da asociación vai moito máis aló. Desde hai aproximadamente un ano, realizan saídas para recoller un censo de aves que viven polo curso fluvial. No transcurso destas xornadas ornitolóxicas, que rematan o vintecatro de maio deste ano, identificaron máis de sesenta tipos de aves, o que supuxo unha auténtica sorpresa dentro dun contorno tan degradado. Teñen en marcha tamén unha serie de saídas para catalogar os macroinvertebrados que viven no leito do río. “A presencia de determinadas especies destes animais permítenos coñecer as diferentes calidades da auga ao longo do curso”. Unha calidade que varía moito nos dez quilómetros que percorre o Gafos. “Na parte alta e no tramo rural o río ten unha cualificación dun nove na calidade da auga, mentres que no tramo urbano está moi contaminado”, sinala Feixóo. En proxecto está a elaboración dun novo catálogo de plantas e arbustos da zona e a posta en marcha dunha recollida da microtoponimia local.



Plans e axudas

A máis longo prazo, a asociación pretende organizar unha ruta de sendeirismo polas beiras do río e recuperar pontes e muíños da zona. “Hai pontes de grande interese cultural e artístico. A ponte do Couto está catalogada como Ben de Interese Cultural, e se non se fai nada, nuns anos máis rematará caendo”. Sen embargo, todos os seus proxectos atópanse coa dificultade da escasa axuda pública. A pesar de que a asociación fíxose co prestixioso premio local Cidade de Pontevedra no ano 2001, a penas conseguiron apoio económico, nin deste concello nin do de Vilaboa. “Conseguimos unha axuda da Dirección Xeral de Política Lingüística para facer uns trípticos sobre o río. Cando facemos as limpezas os concellos cédennos bolsas de lixo e recollen todo o que nós recuperamos do río”.




Desde a asociación reclaman axuda económica para publicar os catálogos que están a facer sobre o río e o proxecto que acaban de rematar, unha unidade didáctica para estudiantes de quinto e sexto de ensino primario. Mentres buscan ese financiamento, na asociación estiveron a preparar unha web e preparan unha nova campaña de limpeza que comezará a finais de maio. Puntualmente organizan excursións a diferentes parques naturais de Galicia e Portugal e xornadas lúdicas onda o río. Cando se lle pregunta se xa se deu entón unha certa recuperación da zona para usos lúdicos, Feixóo contesta “agora polo menos pódese camiñar”. Pero aínda resta camiño por facer.